A PRIMEIRA TRAVESÍA NÁUTICA XACOBEA CHEGARÁ A GALICIA ESTE VERÁN PARA CONMEMORAR O VIII CENTENARIO DA PEREGRINACIÓN DE SAN FRANCISCO DE ASÍS A SANTIAGO


12/03/2014 |   A PRIMEIRA TRAVESÍA NÁUTICA XACOBEA CHEGARÁ A GALICIA ESTE VERÁN PARA CONMEMORAR O VIII CENTENARIO DA PEREGRINACIÓN DE SAN FRANCISCO DE ASÍS A SANTIAGO


 O percorrido pola Ruta Mediterránea superará as 1.500 millas náuticas e recalará en 12 portos de Italia, Francia, España e Portugal, antes de chegar a Galicia, a meta dos Camiños de Santiago
 Haberá unha segunda Ruta, a Atlántica, que sairá dos portos de Francia, Irlanda e Inglaterra e que se reunirá en Ribadeo para realizar un percorrido pola costa galega ata as Rías Baixas, onde confluirá coa Ruta Mediterránea
Santiago, 11 de marzo de 2014.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou, en compañía del Presidente de ASNAUGA Javier RUiz de Cortazar Díaz, la celebración da primeira Travesía Náutica Xacobea, unha das actividades centrais do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que percorrerá máis de 1.500 millas náuticas na súa Ruta Mediterránea e que recalará en 12 portos de Italia, Francia, España e Portugal, antes de chegar a Galicia.

Turismo de Galicia, en colaboración con Asnauga – A Asociación de Clubs Náuticos de Galicia - organiza esta peregrinación náutica que se celebrará en los meses de junio y julio e que ten por obxecto rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do Santo de Asís, ao tempo que se realiza esta viaxe única en Europa polas súas características.

A iniciativa contribúe, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia á promoción da cultura, do patrimonio marítimo da comunidade e da protección do medio ambiente apoiando a posta en valor turística dos portos deportivos galegos; así como a difusión internacional da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e mais de Galicia como destino turístico.

A primeira Travesía Náutica Xacobea forma parte dos actos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que se conmemora en Galicia dende mediados de 2013 a mediados de 2015. Neste 2014, Galicia brinda a oportunidade de coñecer, a través da organización de múltiples actos expositivos, congresuais, artísticos e culturais a figura de San Francisco e a súa vinculación coa cultura xacobea.

A peregrinación estará formada por dúas rutas que confluirán nas Rías Baixas galegas: unha Ruta Atlántica –que sairá de Inglaterra, Irlanda e Francia- e mais unha Ruta Mediterránea que partirá de Xénova, en Italia. A ruta de maior percorrido será a Mediterránea. Así, no mes de xullo, dúas flotas de 30 embarcacións e goletas percorrerán máis de 1.500 e 210 millas, respectivamente, así como 14 portos de Italia, Francia, Portugal e España. Así, as dúas rutas náuticas confluirán nas Ría de Arousa, dende onde os seus participantes se desprazarán para chegar a Santiago de Compostela, percorrendo a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

A Ruta Mediterránea conta con 14 etapas, cun percorrido total aproximado de 1.542 millas náuticas. Partirá de Xénova e continuará por Toulon (Francia), Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Cádiz (España), Portimao, Sines, Cascais, Figueira da Foz, Porto (Portugal) e xa por último en Galicia, onde recalará en portos como Portonovo e Cabo de Cruz.
Dado que Galicia lidera o segmento de Q de Calidade Turística en instalacións náutico-deportivas en toda España, este será o criterio de selección das portos deportivos dos clubes náuticos escollidos para acoller as embarcacións da Peregrinación Náutica.

A Ruta Atlántica ten un percorrido de 210 millas náuticas e comezará no punto de reunión, que será o porto de Ribadeo. Nel, aproveitando os fluxos marítimos, concentraranse embarcacións procedentes de Irlanda, Inglaterra ou Francia. Estas embarcacións baixarán ata as Rías Baixas, pasando por Ortigueira, Ares, Camariñas, Portosín e Cabo de CRuz. O percorrido no territorio galego constará de 5 etapas. Dispoñerase tamén de embarcacións guía duns 50 pés.

A peregrinación está aberta a dous tipos de flota: embarcacións a vela de particulares que poidan realizar a viaxe en todo ou en parte, e goletas que levarán pasaxeiros durante a travesía. En total mobilizaranse máis de 170 participantes nas embarcacións que realicen o percorrido entre Xénova e Galicia, e segundo percorrido entre Ribadeo e as Rías Baixas.

A duración da travesía será de entre 18 e 24 días na ruta entre Xénova e Galicia – a Ruta Mediterránea- e de entre 5 e 8 días na Ruta Atlántica. Durante a travesía desenvólvense actividades e particípase en diferentes labores, integrándose na tripulación con monitores e mariñeiros expertos que ensinarán procedementos das diferentes tarefas que se levan a cabo nunha embarcación de vela de gran eslora.

As dúas flotas chegarán ata a Ría de Arousa e as tripulacións recolleranse en catamaráns para remontar e realizar o último tramo da peregrinación a Santiago de Compostela. Celebrarase a misa do peregrino e entregarase a “Compostela” aos tripulantes que tiveran realizado máis de 90 millas náuticas , así como a certificación “Cotolaya” otorgada pola Orden Franciscana en conmemoración do VIII centenario para cada embarcación que termine a peregrinación.

Así, a travesía unirá tamén aos pobos e portos con tradición Xacobea e promoverá a participación nestes eventos con grandes veleiros, axudando a preservar e conservar as embarcacións clásicas. Segundo explicou tamén a directora de Turismo de Galicia, a administración turística galega aposta pola náutica a través da segunda liña do Plan Integral de Turismo. Esta liña céntrase na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nela inclúense accións relativas ao aproveitamento das sinerxías existentes entre o turismo mariñeiro e o turismo náutico, así como o desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico. No marco desta acción inclúese a organización, mellora e promoción da oferta relacionada co turismo náutico e o seu acondicionamento para a recepción e atención de visitantes e comercialización de experiencias turísticas complementarias.

Nava Castro engadiu tamén que “a posta en valor do noso territorio e dos recursos asociados a esta práctica deportiva repercutirá positivamente na nosa imaxe como destino multiexperiencial e versátil, adaptado aos diversos segmentos da demanda”. E dixo que “a Travesía Náutica Xacobea é unha acción pioneira, que descubrirá aos viaxeiros un novo xeito de coñecer Galicia e unha forma singular de achegarse ás Rutas Xacobeas”.