Novamente os tres Clubs da Ría de Pontevedra únense por décimo ano consecutivo para levar a cabo a Regata Ría de Pontevedra que patrocina Enmacosa

O TROFEO ENMACOSA DE CRUCEIROS COMEZA ESTE PRÓXIMO FIN DE SEMANA NA RÍA DE PONTEVEDRA


15/04/2013 |   Ao igual que na Edición anterior, participará a frota ORC e a de Clásicos
Non faltará á súa cita o tradicional e prestixioso Trofeo Enmacosa que cumpre a súa 9ª edición e celebrarase a partir deste sábado día 13 na ría de Pontevedra. A firma Enmacosa leva patrocinando ese número de anos a que inicialmente se define como Regata Ría de Pontevedra que ten un ano máis de antigüidade en canto a edicións se refire. O Trofeo Enmacosa interprétase nos últimos anos como o pistoletazo de saída dos grandes eventos, sobre todo de cruceiros, que a partir da primavera comezan na Ría de Pontevedra. A Regata significa ademais un importante nexo de amizade e colaboración entre os tres clubs organizadores que intentarán dar as maiores atencións como sempre aos máis de 30 barcos que se esperan para a presente edición á que lle corresponde empezar e rematar no Real Club Náutico de Sanxenxo, xa que o itinerario é rotativo cada ano. Novamente terá este ano tres xornadas como fué na súa creación, tendo os Cruceiros ORC catro probas, dúas das cales terán lugar xa este sábado día 13 con saída ás 14.00 horas para facer primeiro un percorrido dos denominados técnicos, é dicir, un "bastón" ou Barlovento/sotavento para a continuación facer un costeiro de mediana distancia onde se integran os Clásicos e de Época, que normalmente fan un percorrido un pouco máis curto que os ORC, para ir dende Sanxenxo ata Aguete onde se fará entrega dos premios aos vencedores globais da xornada. Ao día seguinte, o domingo día 14, terá lugar a terceira proba puntuable para os ORC (segunda para os Clásicos e de Época) con saída ás 13.00 h. e consistente nun percorrido longo entre os portos de Aguete e Portonovo virando se o tempo o permite, senllos faros fronte a Ons e Bueu e con entrega tamén como o día anterior dos premios aos vencedores globais do día nunha recepción no Club Náutico Portonovo. A última xornada será o sábado 20 con saída ás 13.30 h. para facer un percorrido costeiro longo como o domingo anterior, pero dende Portonovo ata Sanxenxo, facéndose a entrega de premios final a media tarde no Real Club desta localidade.
Destacar que a inscrición é totalmente gratuíta, o cal agradece os participantes nestes tempos tan austeros, grazas á achega de Enmacosa.
A inscrición aínda está en pleno auxe a estas alturas de semana, pero como nos últimos anos, estarán varios barcos doutras rías e portos distintos da de Pontevedra.
Recordemos que os podios do ano pasado foron en División Regata o ZIRALLA (Astraea 330 - Ramón Barreiro - C.N.D. Barraña-Boiro), seguido do CORSARIO VI (First 45 s 5 - José Durán - L.C. Vilagarcía) e JUANCAMARÍA 3 (IMX 38 - Juan Carlos Pérez Olmedo - CN Combarro).
A División Cruceiro/Regata foi para o ENXUTO (First 310 - Pablo Conde - CN Combarro), sendo segundo o FAÍSCA NEJRA (RO 300 - José Rey - CN Beluso) e terceiro a BILLA (First 27.7 - Francisco Freire _RCM. Aguete).
A División Cruceiro adxudicoulla o SEBRALA (Bavaria 50-Magin Froiz-RCN Sanxenxo) e tras el SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 - Iñaki Carbajo-CN Beluso) e OLIVER II (Brin de Folie-José Mº Tilve-CN Beluso).
Por último, en Clásicos quedaron, primeiro o CASSANDRA (Hillyard 36 - Javier Pazó - Agabace/Portonovo), segundo o SARA O (Dorna Recreo Galega - Xoxé Ochoa- Agabace/San Vicente) e terceiro o MARIE (Banjer 37 - Guillermo Gefaell - Agabace/RCM Aguete).