Galicia á cabeza da Q de calidade en Instalacións Náutico deportivas en España 5 Clubs Náuticos obteñen a "Q" de Calidade Turística, o sexto obterá a Q no comité que se celebrará o próximo día 12 de novembro.

O Club Náutico de Portonovo obtén a Q de calidade


02/11/2011 |   O club Náutico de Portonovo, xunto cos de Sada, Riveira, Ría de Ares e Real Club Náutico de Vigo, en Galicia, foron galardoados coa "Q" de Calidade Turística no sector de Instalacións Náutico Deportivas. O Club Náutico de Ribadeo obteraa na reunión do 12 de novembro. Estas certificacións de calidade son o froito do convenio asinado entre a Asociación de Clubs náuticos de Galicia (ASNAUGA) e a Secretaría Xeral para ou turismo, a través de Turgalicia.

Dende aquí queremos dar as grazas a todos os socios, pola axuda e colaboración prestada, e en especial ao persoal do Club Náutico polo traballo desenvolvido durante estes últimos cinco meses. Que permiten que as nosas instalacións poidan ter unha alta calidade e ser referente en toda España e Europa.
Esta norma de calidade de servizo, pioneira no ámbito específico das instalacións náutico-deportivas, club náutico ou porto deportivo, marca uns requisitos a cumprir que definen o nivel de servizo ao cliente, incrementando o valor engadido da propia instalación, pero tendo moi en conta a importancia turística que ten para cada municipio a achega, tanto económica como de imaxe, que cada espazo Náutico-Deportivo pode facer para a súa comunidade de cidadáns ao ser receptores dun gran número de visitantes e turistas.

Como eixe principal da norma, establécense os requisitos para determinar que unha instalación náutico-deportiva, atractiva para o fomento do turismo, debe proporcionar obrigatoriamente actividades náuticas aos seus usuarios, sendo este requisito o principal elemento diferenciador con aqueles portos que tan só dedican as súas instalacións ao arrendamento de amarres e superficies comerciais ou ao aparcadoiro de barcos e que, consecuentemente, non son de interese para o turismo por ser unicamente espazos e instalacións portuarias cuxo obxectivo único é a actividade financeira e polo tanto deixan de ser obxecto da presente normalización turística.
Tras os traballos de redacción da norma, que comezou a implantarse en 2010, hoxe conta con 10 Instalacións Náutico Deportivas certificadas, estando situadas a maior parte na Comunidade Galega, froito principalmente da colaboración entre entidades públicas e privadas, e poñendo a Galicia como a primeira Comunidade Autónoma en número de certificacións, por diante doutras como a Valenciana, Catalá, Balear ou Andaluza.