O CLUB NÁUTICO DE PORTONOVO OBTÉN A BANDEIRA AZUL


27/05/2011 |   O Xurado Internacional Bandeira Azul, concedeu a Bandeira Azul, ao Porto deportivo do club Náutico de Portonovo na súa reunión de 2011 dedicada aos candidatos no hemisferio norte. No devandito Xurado participan, xunto coa FEE, as Axencias de Nacións Unidas para o Medio (PNUMA-UNEP) e para o Turismo (OMT-WTO) e outras entidades como a Asociación Internacional de Salvamento e Socorrismo (ILSE), a Axencia Europea para o Medio (EEA), a Unión Europea para a Conservación das Costas (EUCC), a Unión para a Conservación da Natureza (IUCN), un experto en Educación Ambiental, o Consello Internacional de Asociacións da Industria Portuaria (ICOMIA), e a Fundación para a Educación Ambiental (FEE).

En Galicia obtiveron a bandeira azul un total de3 13 portos deportivos.

A Bandeira Azul é un distintivo internacional que premia o cumprimento duns estándares establecidos tales como a accesibilidade, a calidade das augas, a información ambiental dirixida aos usuarios ou o respecto á lexislación, que recompensa o intenso labor realizado en materia ambiental.

Bandeira Azul é a iniciativa voluntaria máis antiga a favor da sostibilidade do turismo e do litoral. Na súa traxectoria ao longo de 25 anos, de forma participativa e consensuada a nivel internacional, foi perfeccionando os seus métodos e endurecendo progresivamente os criterios de concesión. Bandeira Azul pretende así desenvolver, definir e estimular un tipo de calidade global sostible, cuxos atributos principais sexan, por enriba da eficacia ou da competitividade, a legalidade, a accesibilidade, a sostibilidade global, a salubridade, a participación informada, a equidade progresiva e a cooperación en redes.

Bandeira Azul é independente politicamente, reúne e colabora con autoridades de todo signo e a todos os niveis; é tamén independente economicamente, ao non recibir financiamento ningún dos seus potenciais candidatos ou premiados nin de grupos económicos con intereses comerciais privados, urbanísticos ou turísticos.

Bandeira Azul é o distintivo de calidade de praias, portos e embarcacións máis coñecido e recoñecidos a nivel mundial, tanto por parte das autoridades nacionais e multilaterais, coma polos operadores turísticos, as poboacións locais e os turistas.