PORTONOVO OPTA Á CERTIFICACIÓN

ASNAUGA ASINA UN CONVENIO DE IMPLANTACIÓN DA NORMA UNE 188004:2009 CON TURGALICIA


14/04/2011 |   Galicia pioneira en canto ao número de instalacións que optan á certificación.

A asociación de clubs náuticos de Galicia presidida por Javier Ruiz de Cortazar Díaz, asino estes días un convenio de colaboración con Turgalicia pola cal se procederá á implantación da norma UNE 188004:2009 en varios clubs da asociación. A devandita norma é comunmente coñecida pola Q de calidade para instalacións náutico deportivas.

O devandito convenio comportará tanto a impartición de formación específica para a capacitación dos responsables de implantación do Sistema de Calidade nos Clubs adheridos como para a prestación de asistencia técnica individual e colectiva a estes.

A norma, publicada en outubro do 2009, foi un traballo de case 2 anos de traballo dun equipo de expertos, Presidentes, xerentes e directores de clubs e mariñas, técnicos de diferentes Administracións e organismos Nacionais e Autonómicos, coordinados polo ICTE, co reto de crear un elemento OBXECTIVO que destaque a aquelas instalacións náutico-deportivas (clubs náuticos ) que desexan e intentan todos os días facer dos seus peiraos e instalacións MOITO MAIS que un aparcadoiro de barcos.

A calidade como factor de diferenciación das nosas instalacións e clubs náuticos, constitúe unha liña de actuación imprescindible na forma de enfocar a estratexia competitiva do noso sector dentro do turismo de Galicia. A marca "Q" de calidade, xestionada polo instituto para a Calidade Turística Española, distingue as entidades que adquiren o compromiso firme e duradeiro coa calidade, mediante a implantación dun sistema de xestión e aseguramento, que permite ter unha vantaxe competitiva sobre os demais.

Dende a ASNAUGA, impulsouse a aplicación desta norma en Galicia, que culmina coa firma deste convenio, no que participarán no ano 2011 un total de sete clubs para a obtención da devandita distinción.