CORSARIO VI, FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR E BILLA ENCABEZAN AS XERAIS DO TROFEO ENMACOSA DE CRUCEIROS

CORSARIO VI, FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR e FAÍSCA NEJRA impuxéronse na xornada dominical do Trofeo Enmacosa de Cruceros que novamente foi emocionante e espectacular

Saída con ventos
14/04/2011 |   A última etapa o próximo sábado día 16 entre os portos de Sanxenxo e Aguete
Sanxenxo, domingo 10 de Abril de 2011
Novamente o tempo aliouse coa organización do VII Trofeo Enmacosa de Cruceros na súa segunda xornada na ría de Pontevedra e un día de sol con bo vento fixo que a segunda xornada celebrada este domingo ao igual que a primeira celebrada o sábado, resultase emocionante e espectacular. O Real Club de Mar de Aguete, Club Náutico de Portonovo e Real Club Náutico de Sanxenxo poden estar satisfeitos ata o momento. E é que aínda que o domingo amenceu gris e case sen vento, un pouco antes do momento da saída prevista para as 13.05 h., o día despexou de pronto cun sol radiante e o vento comezou a entrar de compoñente Norte manténdose así durante o transcurso da proba con algúns pequenos roles propios da zona e cunha intensidade que oscilou entre os 11 e 14 nós.O Comité deu a saída puntual cunha baliza de desmarque fronte á praia de Silgar de Sanxenxo, que facilitou o que gran número de público observase e gozase coas evolucións dos barcos. O percorrido tras virar en Silgar consistiu nun costeiro de case 14 millas de lonxitude pasando polos faros de Comouco en Ons e Mourisca en Bueu para rematar novamente fronte á praia de Silgar. Magnífica saída do SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 - Iñaki Carbajo-CN Beluso) e o SAETTA DOUS (JOD 35-José Luis Smyth-CN Beluso) aguantando este último o tirón ata a baliza de desmarque onde se vió superado polo FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR (Dufour 34 - José Millán - L.C. Vilagarcía) pero volvendo adiantalo inmediatamente despois. Independentemente diso pouco lles durou a alegría pois logo xa se viron superados por barcos de moita maior eslora como o CORSARIO VI (First 45 s 5 - José Durán - L.C. Vilagarcía) ou o SEBRALA II (Bavaria 50-Magin Fríos-RCN Sanxenxo). Despois do desmarque, a frota enfrontouse a un longo tramo en través orzado e cinguida ata o faro de Picamillo, un través ata o Camouco, un extenso longo ata a Mourisca e unha potente última cinguida ata a meta de Sanxenxo. Como vemos, probaron todos os rumbos. Moitas alternativas durante a travesía gañando finalmente en tempo compensado da clasificación global o FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR repetindo o seu triunfo da xornada anterior. Inapelable. Na División regata, a etapa foi gañada polo CORSARIO VI, seguido a 30 segundos do SAETTA DOUS e a case dous minutos polo ZIRALLA PRIMEIRO (Astraea 330 - Ramón Barreiro - C.N. Caramiñal) que igualaba as xerais tras a picada nesta división do ALIMENTOS DE ZAMORA que soamente puido ser quinto. En Cruceiro/regata loxicamente gañou o FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR, seguido a pouco máis de tres minutos polo AGUIEIRA I (Sun Odyssey 40 - Celestino Campelo-RCM Aguete) e xa a case 8 minutos polo BLACK SAM (First 35 s 5-Carlos Sousa - CN Combarro). Por último, na división Crucero impúxose esta vez o FAÍSCA NEJRA (RO 300 - José Rey - CN Beluso) seguido a case dous minutos pola BILLA (First 27.7 - Francisco Freire _RCM. Aguete) e a tres minutos e medio o SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 - Iñaki Carbajo-CN Beluso).

A xeral sumando as tres probas celebradas pasa a ser comandada agora en Clase Regata polo CORSARIO VI con 5 puntos, seguido por ALIMENTOS DE ZAMORA e ZIRALLA I ambos os dous con 8 puntos. En cruceiro/regata domina sen dúbidas o FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR con 3 puntos, seguido por tres barcos empatados a 10 puntos, o AGUIEIRA, ENXUTO e BLACK SAM, mentres que en Cruceiro gaña pero menos que o día anterior, a BILLA con 4 puntos, seguido do FAÍSCA NEJRA con 6 e SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS con 8.

Ao finalizar esta segunda xornada, no Real Club Náutico de Sanxenxo fíxose entrega do premio ao vencedor global do día, que foi novamente o FRIGORÍFICOS RIVEIRA MAR. Agora a esperar a xornada final o próximo sábado día 16 con saída ás 13.05 h. e consistente noutro percorrido costeiro longo entre os portos de Sanxenxo e Aguete e con entrega final de premios no Real Club de Mar de Aguete.