2ª ETAPA DA 4ª REGATA INTERCLUBES RÍA PONTEVEDRA


04/02/2018 |  
Aguete, 04 de Febreiro de 2018

Se na primeira etapa fai quince días o vento fíxose esperar unha hora, na segunda etapa celebrada este sábado fíxoo case dúas horas e media, ao bordo case do tempo límite para dar saídas estipulado nas 17:00 horas.

Tocáballe este sábado ser anfitrión das 51 embarcacións participantes nesta IV Regata Interclubes Ría de Pontevedra ao Real Club de Mar de Aguete, que lembremos organiza en conxunto co Real Club Náutico de Sanxenxo, Ro Yachts Club de Combarro, Club Náutico Portonovo, Club Náutico de Beluso e Comisión Naval de Regatas da ENM que contan para facelo coa colaboración dos Concellos de Marín, Poio e Sanxenxo que patrocinan as etapas correspondentes aos clubs con base nas súas demarcacións, así como a colaboración tamén das firmas Froiz, North Sails, Murimar seguros, Opticalia Campelo, Efectos Navais Jesús Betanzos, Landín informática e Abanca.

Non se cumpriron as previsións meteorolóxicas. O vento non entrou á hora prevista, nin coa dirección e intensidade previstas. Xa ao bordo do tempo límite, unha brisa do suroeste animou ao comité de regata a dar unha saída cun percorrido curto para tentar acabar antes do ocaso e coa esperanza de que durante o transcurso da proba o vento aumentase rolando cara ao norte. E nalgún momento fíxoo, rolando ao norte a compoñente, pero a intensidade tivo moitas altas e baixas sendo moi difícil a navegación. En xeral, os barcos que foron dominando a cinguida do primeiro tramo viron como no segundo e último tramo do percorrido íanse acougando ao achegarse a meta e alcanzábanlles os que viña por detrás, cambiando inesperadamente os liderados na maioría dos casos.

Finalmente, na Clase 1 Froiz vitoria en tempo compensado do Royachts que sacaba 02´ 22´´ ao Ziralla Primeiro e 02´43´´ ao Juancamaría 3. Tras eles, Grupo Santorum&Martínez, Oral Group Galimplant, Meigas Fora e YouKounKoun.

Na Clase 2 North Sails, novamente o Faísca Nejra vencía, seguido a 01´46´´ polo Abal Avogados/ Lagar de Pintos/ Fanautic e a 02´43´´ polo Petrilla. Tras eles, Limay, Vento Sur, Billa, Arnoia, Santiago Roma Rias Baixas, Piko Norte e Argalleiro.

Na Clase 3 Murimar seguros, onde van os orc Open, tivo un merecido gañador no Marara IV que sacou 00´36´´ á Increible e 01´44´´ ao Aguieira, seguidos de Loanca, Quen Vai, Sebrala 2 e Maral III.

A Clase 4 Efectos Navais Jesús Betanzos cos orc de menor eslora, tivo como vencedor novamente ao gran favorito, Travesío A Riviere conservas, seguido a 12´28´´ polo Squid e a 13´06´´ polo Constante. A continuación quedaron Kairos, Miraver, Firme, Diligente, Manufacturas do Lerez Camarón 20, Elmer Primeiro, Combarro e Penizas.

Na Clase Abanca para os Clásicos e Veteranos, gañou o Sempre Volve seguido en compensado polo Cassandra a 07´08´´ e o Calamote a 08´05´´.

E por último na Optica Campelo para os Mini 23, esta vez gañou o Troscado, segudo polo Last Kiss a 10´06´´ e o Quesito a 14´11´´.

Os podios das xerais tras o cómputo das dúas primeiras etapas celebradas van así:

Clase Froiz ( Orc grupo 1) 1º) Ro Yachts ( Ro 340 – Rolando Andrade – Ro Yachts Club), 3 puntos 2º) Ziralla Primeiro ( Astraea 330 –Ramón Barreiro-RCN Sanxenxo), 3 puntos 3º) Grupo Santorum & Martínez ( First 45 f5 – Javier Durán – CN Boiro), 7 puntos

Clase North Sails ( Orc grupo 2) 1º) Faísca Nejra ( Ro 300 – José Rey – CN Beluso), 2 puntos 2º) Abal Abogasdos/ Lagar de Pintos/ Fanautic ( First Class 8 –Mariano Deus- MRCY Bayona) 8 puntos 3º) Billa ( First 27.7 - Francisco Freirea – RCM Aguete), 9 puntos

Clase Murimar seguros ( Orc Open) 1º) A Increible ( Golfiño 34 – Manuel Cameans – Ro Yachts), 4 puntos 2º) Marara 4 ( Jod 35 - Javier Montenegro – CM Rías Baixas), 6 puntos 3º) Aguieira I ( Sun Odyssey 40 - Celestino Campelo – RCM Aguete), 6 puntos

Clase Efectos Navais Jesús Betanzos ( Orc grupo 3) 1º) Travesío A Riviere conservas ( Yatlant 24 – Pablo da Riva – RCM Aguete), 2 puntos 2º) Squid ( First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo), 6 puntos 3º) Miraver ( Dufour 32 – Pablo Parrado – CN Portonovo), 7 puntos

Clase Abanca (Veteranos e Clásicos) 1º) Sempre Volve ( First 35 – Luís González – CN A Pobra), 2 puntos 2º) Cassandra ( Hyllard half ton – Javier Pazó – C. N. Portonovo), 4 puntos 3º) Calamote (Furia 25 – Jorge Alvarez – RCN Sanxenxo), 6 puntos

Clase Optica Campelo ( Mini23) 1º) Troscado ( First 211 – Antón Cacabelos – RCM Aguete), 3 puntos 2º) Last Kiss ( First 21.7 – Andrés Fernández – Ro Yachts Club), 3 puntos 3º) Quesito ( First 21.7 – Fernando Torre – Ro Yachts Club), 6 puntos

A etapa ademais, era puntuable para o trofeo Concello de Marín, sumándose os puntos desta aos puntos que se obteñan ao celebrarse a etapa correspondente á Escola Naval en abril.

E o Trofeo de Clubs, que nesta edición é Trofeo 50 Aniversario Escola Naval Militar de Marín, vai comandando por agora polo Real Club de Mar de Aguete con 45 puntos, seguido polo Ro Yachts con 50 puntos e o Real Club Náutico de Sanxenxo con 63.

Agora a esperar á celebración da 3ª proba que se celebrará o sábado día 17 de febreiro con saída e chegada no Club Náutico Portonovo, disputándose tamén a primeira etapa do trofeo Concello de Sanxenxo.