GALP Ría de Pontevedra publica a Proposta Definitiva de aprobación de Axudas da primeira convocatoria de 2020


09/07/2020 |   Dende o 1 de xullo pódese consultar nas webs e na oficina do GALP a proposta definitiva de aprobación de proxectos do GALP Ría de Pontevedra. Dita proposta non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto, estando suxeita á ratificación final da Consellería do Mar.

Dende o GALP Ría de Pontevedra queremos sinalar tamén que a convocatoria non esgotou o crédito dispoñible para este ano, polo que se espera que haxa unha nova convocatoria no mes de setembro.
Consultar Resolución Definitiva

Para calquera dúbida contactar con GALP Ría de Pontevedra:
T. 886 213 015 - M. 698 180 887 - Email: gacpontevedra@gmail.com

Das 22 solicitudes recibidas nesta primeira convocatoria, trece foron as seleccionadas. Dos trece proxectos, seis son proxectos produtivos e sete non produtivos. As iniciativas abranguen accións de mellora medioambiental, patrimonial e da competitividade empresarial do sector pesqueiro.

PROXECTOS PRODUTIVOS

Centro de valoración dos produtos pesqueiros
Promotor: S.Coop.Galega del Mar San Miguel
Traslado da actual sede social da cooperativa a un edificio accesible no que se realizaran actividades formativas. Tamén se prevé o deseño dun espazo web para a promoción da imaxe da cooperativa e o desenvolvemento dunha imaxe de marca para os seus produtos. O importe de gasto subvencionable é de 92.469,76 € dos cales un 50% serán cubertos pola axuda (46.234,88€).

Restaurante Gastrocultural
Promotor: O Bruño (Roberto Pérez Estévez)
Trátase do traslado da actividade de restauración do promotor de Cangas a Sanxenxo. O investimento no proxecto é de 469.424,13 € e recibirá 200.000 € en concepto da axuda repartido en dúas anualidades.

Restauración de construción tradicional para almacén e taller
Promotor: Horta Agrelo
Proxecto de adecuación e mellora dunha construción tradicional en Bueu para utilizalo como almacén e taller no que se levarán a cabo actividades. Os gastos subvencionables acadan os 37.000€ dos que 18.530€ serán aportados polo GALP, o que representa un 50%.

Instalación de minicetárea
Promotor: Sirvopeixe Galicia SLU
Promovido por unha empresa xa en funcionamento en Poio que busca facer unha mellora na súa actividade coa instalación dunha pequena cetárea peixaría situada en A Barca-Poio para a venda ao público. Recibirá 4.410,00 € de axuda, que representa o 45% do gasto subvencionable (9.800,00€).

Novo proceso produtivo de lombos e filetes de peixe afumado
Promotor: O Percebeiro
Habilitación dunha planta de procesado de peixe para iniciar o proceso dunha nova liña de produtos de lombos e filetes de peixe afumado. O importe do gasto subvencionable alcanza os 314.657,35€, recibindo 141.595,81 € a través da axuda.

Construción dunha nave que permita explorar novas liñas de negocio
Promotor: Alinox Morrazo
Iniciativa dunha empresa afincada en Bueu para a construción dunha nave no polígono industrial que permitirá abrir unha nova liña de negocio na que desenvolverá equipamentos para lonxas, barcos, peixarías, etc... toda unha serie de servizos para o sector pesqueiro. O orzamento alcanza os 534.000 €, dos que 200.000€ proveñen da axuda repartidos en dúas anualidades.

PROXECTOS NON PRODUTIVOS

Implantación da plataforma XESMAR na lonxa
Promotor: Lonxa de Campelo
Proxecto que pretende implantar a plataforma dixital XESMAR nas confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán para facilitar o traballo das mariscadoras e a súa comunicación coa lonxa. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (33.494,00€) en dúas anualidades (7.970 € no 2020 e 25.524 € no 2021).

Embarcación de vixilancia para o interior da ría de Pontevedra
Promotor: Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán)
Iniciativa que parte da confraría para a construción dunha embarcación destinada á vixilancia do interior da ría para optimizar a súa actividade e que contará cunha clasificadora a bordo para controlar o tamaño dos moluscos extraídos. O importe da axuda é de 55.382,30 € (o 100% do gasto subvencionable), disposto en dúas anualidades de 16.933,81 € o primeiro ano e de 38.448,49 € , o segundo.

Reparación da estrutura e reparación do mastro do galeón Luisa
Promotor: Club Mariño A Reiboa
Proxecto do eixe de patrimonio promovido polo CM A Reiboa de Poio que busca restaurar unha embarcación tradicional: o galeón Luisa, unha réplica dun barco de transporte de baixura típico das Rías Baixas. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (3.921,61 € ).

Portos sostibles: actuación prevención e concienciación en medio ambiente mariño
Promotor: Club Náutico Portonovo
Proxecto enmarcado no eixo de medio ambiente que propón a construción dunha plataforma volada de entrada ao náutico que estará accesible para os servizos de emerxencias como Bombeiros de Sanxenxo e Protección Civil. Así mesmo realizarán módulos de formación medio ambiental. A iniciativa recibirá o 100% do gasto subvencionable (17.782,89 €).

Divulgación e promoción da actividade da praza de abastos
Promotor: Concello de Marín
Instalación de luces LED na praza de abastos de Marín e actividades destinadas a escolares para dar a coñecer o espazo. O gasto subvencionable é de 18.129,12 € , dos cales recibirá un 80% (14.503,29 €).

Descubrindo ao Colón Galego a través da ría de Pontevedra
Promotor: Concello de Pontevedra
Proposta de elaboración dun documental que poña en valor o patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría e a súa contorna a través da figura de Colón. O proxecto recibirá o 80% do importe do gasto subvencionable nunha única anualidade de 14.229,60 €

Os restantes nove proxectos presentados á primeira convocatoria de axudas deste ano non puideron acceder á subvención xestionada polo GALP por diferentes cuestións técnicas. Dende a publicación da proposta tamén se produciu unha renuncia por parte do proxecto do Concello de Sanxenxo "Terra e Mar".