Impresionante envorco final na maioria das clasificacións xerais tras a segunda e definitiva etapa

Ziralla Primeiro, Travesío, Ai Carmela e Cassandra, vencedores finais na regata Hotel Galatea Trofeo Conservas Pescamar de Cruceiros


26/08/2018 |   Segunda etapa moi rápida e con vento a favor, onde os "pequenos" coméronse aos "grandes"

Portonovo, domingo, 26 de Agosto de 2018

Novamente con puntualidade meridiana, ás 12:00 horas deste domingo deuse a saída desde Boiro á segunda e definitiva etapa da XXII Regata Hotel Galatea – Trofeo conservas Pescamar para Cruceiros que organizou o Club Náutico Portonovo.

Etapa de 16,6 millas ata Portonovo e que se presentaba con previsión de ser moi rápida e en rumbo de popa como así fué finalmente. Comezo con vento do nordeste que portaba uns 10 nós que tivo a frota durante unhas tres millas ata chegar á illa de Rúa onde acougou e cambiou case inmediatamente para o noroeste cunha intensidade media de 12 nós que fixo voar sobre o mar aos máis lixeiros.

Emoción ata o final en case todas as clases, sobre todo en regatas de soamente dúas etapas como esta onde en caso de empate a puntos na xeral, gaña o vencedor da última. Así ocorreu na clase Hotel Galatea onde o " Ziralla Primeiro" gañaba a etapa en compensado por un só segundo!! de diferenza sobre o " Sebrala" que viu o seu gozo nun pozo a pesar da súa vitoria sabatina. Na Clase Conservas Pescamar o " Travesío" ratificou con vitoria o seu primeiro posto xeral, mentres que en Solitarios e A Dous o "Ai Carmela" cunha perfecta carambola alzouse co triunfo final tras gañar esta etapa e meterlle dous barcos por no medio ao " Smaku" que fora o brillante vencedor do sábado. E na clase Gadis, outro tanto do mesmo co " Cassandra" que coa súa vitoria de hoxe adxudicábase o triunfo final empatado co " Calamote Europesca".

Os podios finais quedaron da seguinte maneira:

Clase Hotel Galatea (Grupo 1)
1º) Ziralla Primero (Astraea 330 – Ramón Barreiro – RCN Sanxenxo), 3 puntos
2º) Sebrala 2 (Bavaria 50 - Magin Alfredo Froiz – RCN Sanxenxo), 3 puntos
3º) Alma do Mar (First 34.7 – Nito Enriquez – C. Marina Sada), 6 puntos

Clase Conservas Pescamar (Grupo 2)
1º) Travesío (Yatlant 24 – Pablo de la Riva – C.Náutico Vilagarcía), 2 puntos
2º) Piko Norte (Bavaria 32 – Jose Manuel Castro – CN Boiro), 4 puntos
3º) Trotto (Bavaria 30 – Ernesto Smith - C.N. Beluso ), 6 puntos

Clase Solitarios e A Dous
1º) Ay Carmela (Golfiño 7,25 – Juan Martínez Pazó – L.M. Bouzas), 5 puntos
2º) Smaku (Bavaria 34 - Alfonso Rodríguez – L.M. Bouzas), 5 puntos
3º) Quen Vai (Ro 330 – Laureano Santiago – RCM Aguete), 5 puntos

Clase Gadis (Grupo Open)
1º) Cassandra (Hillyard 12 ton – Javier y Fernando Pazó – CN Potonovo), 3 puntos
2º) Calamote Europesca Galega (Furia 25 – Jorge Alvarez – RCN Sanxenxo), 3 puntos
3º) Peregrina (Puma 23 – Carlos Núñez – CN Portonovo), 7 puntos

A entrega de premios tivo lugar o propio domingo no hotel Galatea, onde asistiron a secretaria xeral da consellería do mar da Xunta, María Isabel Concheiro; o concelleiro de Turismo e Deporte de Sanxenxo, Jesús Sueiro; o propietario do Hotel Galatea, José Luis Prieto; xerente do Hotel Galatea, Laura Fernández, ademais da Xunta directiva do Club Náutico Portonovo presidida por Javier Ruiz de Cortázar.