Sensacionais condicións na 1ª Etapa

ENXUTO LIDERA POR MOI POUCO, A REGATA RIA DE PONTEVEDRA


08/04/2014 |   Sensacionais condicións na 1ª Etapa

ENXUTO LIDERA POR MOI POUCO, A REGATA RIA DE PONTEVEDRA

A etapa definitiva da regata, este próximo sábado día 12
Ideais as condicións que se deron o pasado sábado no transcurso da primeira Etapa do XI Regata Ría de Pontevedra para Cruceiros que están a organizar conxuntamente o Real Club Mar de Aguete, Club Náutico de Portonovo e Real Club Náutico de Sanxenxo e levando a batuta técnica a firma organizadora de regatas e eventos náuticos, Desmarque SL.. E dicimos ideais, xa que a materia prima, o vento, non faltou en ningún momento e ademais cunha intensidade ideal de 14 nós de media. Isto fixo que os barcos fosen moi rápidos, cubrindo o percorrido de 16,5 millas o primeiro en chegar nun pouco máis de dous horas. Ademais, malia que nalgúns momentos a visibilidade se reducía algo pola poalla que caeu de forma intermitente, a navegación foi moi técnica e táctica e seguida pola maioría no programa de seguimento aplicado por Desmarque..
Puntualidade meridiana na saída onde os primeiros en cruzala foron YOUKOUNKOUN, LIMAY, ENXUTO, AGUIEIRA e A PEREGRINA por esa orde, para realizar primeiro unha cinguida ata o desmarque, que continuou a Morrazán, e logo saíron da Ría de Pontevedra en través cara ao faro de Picamillo. Nova cinguida ata o faro do Camouco e longo través ata a Mourisca de Bueu para entrar a continuación en popa en Portonovo. A dirección do vento mantívose constante case todo o tempo do Sueste. Finalmente, a liña de chegada cruzouna primeiro en tempo real o SEBRALA e a clasificación xeral en tempo compensado dos primeiros clasificados nos dous grupos formados foi a seguinte,

Clase 1, gañador ENXUTO (First 310 - Pablo Conde - Düsseldorfer Yacht Club), seguido a soamente 6 segundos do AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 - Celestino Campelo - RCM Aguete); terceiro quedou o SEBRALA 2 (Bavaria 50 - Magin Froiz - RCN Sanxenxo) a 2:41; cuarto o YOUKOUNKOUN (JOD 35 - Adolfo Castro - CN Portonovo) a 8:25 e quinto o VAGALUME (Beneteau 25 - Antonio Bea - RCN Sanxenxo) a 15:33.
E na Clase 2, vitoria do SQUID (First 23.5 - Francisco Lusquiños - C.N. Portonovo), seguido a 4 minutos e 30 segundos polo SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 - Iñaki Carbajo-CN Beluso); tras eles AQUARI (Oceanis 351-Luis Malvar-R.C.M. Aguete) a 14:32; FIRME (Golfiño 7.25 - Santiago Bausá - Escola NM Marín) a 16:32 e MIRAVER (Dufour 32 - Pablo Parrado - CN Portonovo) a 19:30.
A etapa definitiva da Regata Ría de Pontevedra terá lugar o próximo sábado día 12 a partir das 13:30 horas dende Portonovo ata Sanxenxo, entregándose os premios ao rematar, nas instalacións do Real Club Náutico.