Fishing from boat

III Campionato Rodman - Pesca Deportiva sobre embarcación fondeada

LOCATION: Porto de Portonovo
DATES: 27/08/2005 - 27/08/2005
Registration limit: Registration closed.

 

O Club Náutico de Portonovo organiza o CAMPIONATO DE PESCA DE ALTURA DESDE EMBARCACIÓN FONDEADA a celebrar o día 27 de agosto de 2005.


BASES

1. Este campionato celebrarase a unha soa manga a disputar na data anunciada anteriormente.

2. A proba terá unha duración de 5 horas contadas desde o momento no que o Xuíz da proba dea saída no Porto de Portonovo.

3. Existirá un control de sinaturas dos participantes tanto á saída coma á chegada.

4. As embarcacións dos participantes deberán estar amarradas no porto de Portonovo no lugar que fixe a organización antes das 8:00 horas da mañá. Para iso o Club Náutico de Portonovo proporcionará o persoal de mariñería para recoller os barcos nos fondeos e axudar nas manobras de atraque.

5. Ás 8:00 horas abrirase o control de sinaturas de tódolos participantes, no peirao de Portonovo.

6. Ás 8:15 horas o xuíz da proba dará a saída oficial ás embarcacións, iniciándose nese momento ó cálculo das 5 horas para o desenvolvemento da proba.

7. As embarcacións poderán levar ata cinco participantes, sen exceder o límite autorizado pola Autoridade Marítima para cada embarcación, un patrón e catro tripulantes. O patrón da embarcación poderá ser á súa vez participante no concurso.

8. Cada participante deberá indicar, ó facer a inscrición, o nome da embarcación na que vai competir.

9. Cada equipo terá un Capitán, que será a persoa que figure ó inicio da relación nominal da folla de inscrición ó concurso, o que, por esixilo así as disposicións vixentes sobre navegación deportiva, deberá estar en posesión da titulación correspondente expedida pola Autoridade competente. Non obstante, se ó carecer de embarcación propia adoptase o sistema de alugamento ou outra modalidade, ou non dispuxese da titulación requirida, poderá patronear a embarcación un patrón profesional e un mariñeiro axudante. Estes en ningún caso poderán participar en momento ningún nas faenas de pesca, sendo motivo de descualificación automática, se se comproba que ditos profesionais manexan os aparellos de pescar en acción de pesca, durante a celebración da proba.

10. Farase a inscrición da embarcación, que deberá estar despachada pola Capitanía de Mariña.

11. Deberá levar a bordo a documentación regulamentaria e irá provista dos sistemas de seguridade correspondentes á súa clase.

12. Previamente á saída, a organización resérvase o dereito a inspeccionar os barcos participantes no campionato, para evitar posibles fraudes (pesca a bordo, palangres, etc.).

13. É obrigatorio estar en posesión da licenza de pesca do ano en curso. O Club Náutico de Portonovo xestionará a tramitación da mesma ós participantes que a soliciten na oficina do Club antes do día 20 de agosto de 2005.

14. A zona onde cada embarcación elixa para realizar as capturas é libre, exceptúandose aquelas nas que non estea permitido o fondeo pola Autoridade de Mariña. Respectarase aquela zona que comprometa a pesca doutra embarcación. Manterase un especial resgardo sobre aquelas embarcacións que entrasen en combate.

15. A xornada de pesca será na modalidade de fondeo, polo que deberán estar fondeadas para realizar as capturas, podendo cambiar de posición cantas veces precise.

16. En acción de pesca soamente se permitirá unha cana, se ben cada participante poderá ter en reserva as que considere precisas para intercambialas. As canas de reserva non poderán estar cebadas, salvo cando se realice un cambio, para o que retirará a que teña en acción de pesca. As canas estarán constituídas por un máximo de tres anzois. Quedan prohibidos os anzois que teñan máis dun garfo e as poteiras.

17. Autorízanse como cebos soamente os naturais en estado vivo ou en conserva. Esta conserva non poderá ter ningunha clase de aditamentos de orixe química. Queda, pois, terminantemente prohibido o uso de cebos artificiais.

18. Durante o tempo de realización das probas, tódalas embarcacións deberán estar á escoita na banda de radio VHF na canle que fixe o xurado, desde a que se darán instrucións ó inicio da proba.

19. Calquera incidencia ou abandono da proba antes do límite deberá comunicarse por radio ó xuíz da proba.

20. O tempo límite é de 5 horas desde o momento no que se dá a saída ata a entrada a porto. Considérase en tempo 15 minutos sobre a hora máxima. Os participantes, ó chegar a porto, deberán pasar polo control de sinaturas.


ESPECIES

21. Quedan prohibidas en pesada as seguintes especies: os cefalópodos (polbo, lura, choco, etc.) e outros como muxel, anguía, congro, morena e similares. Serán válidos e poderán capturarse tódalas especies restantes que habitan na ría, aténdose ás normas de pesca en tallas que edita a Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura, e serán admitidas na seguinte escala de pesos mínimos:

1º.- Robalos, robalizas (lubinas) e abadexos (corbelos) con peso mínimo de.......... 200 gr.

2º.- As demais especies, salvo as excluídas cun peso mínimo de ............................ 300 gr.

22. A organización, pensando na conservación das especies e na deportividade dos participantes, non terá en conta no concurso as especies menores de 20 centímetros.

23. Non se poden capturar máis de 5 Kg, máis unha peza, segundo as normas do decreto 211/99 publicado no D.O.G. nº 139 de 21 de xullo de 1999.

24. Cada equipo participante procurará por si mesmo o refrixerio, xantar ou inxestión de alimentos durante a proba.

PESAXE

25. Efectuarase nos locais da Lonxa de Portonovo co seguinte baremo:

Para as clasificadas na norma primeira, 2 puntos por peixe válido e 5 puntos por cada gramo de peso.

Para as da norma segunda, 1 punto por peixe válido e 2 puntos por cada gramo de peso.


DESCUALIFICACIÓN

26. O xurado entenderá a NON COMPARECENCIA DUN PESCADOR CON CAPTURAS Á PESAXE como autodescalificación.


RECLAMACIÓNS

27. Unha vez o xurado levante acta despois da pesada, quedará un prazo de 15 minutos para expoñer unha reclamación.

Estas deberán efectuarse por escrito e por un só pescador.


INSCRICIÓNS

28. As inscricións poderán realizarse ata as 20:00 horas do día 25 de agosto de 2005 por escrito, por fax ou por correo electrónico, axuntando fotocopia do ingreso en conta, se fose este o sistema elixido, debendo estar a documentación en posesión do Club Náutico ó termo da hora antes citada.

Club Náutico de Portonovo
C/ Rafael Pico, nº 44
36970 – Portonovo (Pontevedra)
Correo electrónico: nauticoportonovo@hotmail.com
Teléfono: 986 72 32 66
Fax: 986 723 266

Contas bancarias
Caixanova 2080 0455 04 0040109580
Banesto 18 0030 6212 0000012271

29. En caso de pagar a través de transferencia bancaria, deberá facerse constar Campionato Rodman de pesca de altura e o nome do concursante e embarcación.

30. O prezo da inscrición será de 5 € por embarcación.

31. Calquera modificación na disposición dos participantes por embarcación deberá ser presentada ante o xuíz da proba, no momento do control de sinaturas de saídas.


XURADO

32. O xurado estará composto por:

33. Os nomes das persoas que forman parte do xurado estarán expostos no taboleiro de anuncios do Club Náutico de Portonovo, antes do comezo do concurso.


PREMIOS

34. Entregaranse os seguintes premios:

• PREMIO Ó CLASIFICADO CON MAIOR NÚMERO DE PUNTOS EN TOTAL DE PEZAS (EMBARCACIÓN)
• TROFEO Ó MAIOR NÚMERO DE PEZAS (EMBARCACIÓN)
• TROFEO Á PEZA DE MAIOR TAMAÑO (individual)

Cada concursante só poderá optar a dous premios. A puntuación obtida dividirase polo número de tripulantes de cada embarcación., no caso do premio ó maior número de pezas.


ENTREGA DE PREMIOS

35. A entrega de premios realizarase durante unha merenda-cea nun lugar a determinar pola organización, onde se fará unha grellada coas especies seleccionadas do concurso.

36. O Club non se responsabiliza da falta da documentación ou permisos dos participantes e das correspondentes embarcacións. Infrinxir esta norma será motivo de descualificación; e de xurdir calquera clase de accidentes ou danos a persoas ou cousas, serán da súa enteira responsabilidade.

37. A organización do campionato resérvase o dereito de modificar algunhas das normas citadas con anterioridade, se así o esixiran as circunstancias, en caso extremo, o que se notificaría no seu momento coa maior antelación posible para o oportuno coñecemento de tódolos participantes.